Friday 17 de May de 2024

Inés Rey na mostra ‘Picasso na casa’: “Temos un gran talento na nosa cidade no campo da banda deseñada, a ilustración e a animación”


A alcaldesa presidiu a apertura da exposición que reúne preto de 20 artistas e está comisariada por Manel Cráneo

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta tarde a apertura da mostra ‘1891-1895 Picasso na casa’ na Casa Museo Picasso. A exposición reúne preto de 20 profesionais do debuxo coruñés, pertencentes ao colectivo Coruña Gráfica. O Concello continúa deste xeitio apostando polo posicionamento da Coruña como cidade picassiana, en liña coas actividades levadas a cabo durante o 2023 con motivo do 50 cabodano do artista malagueño.

A exposición, comisariada por Manel Cráneo, componse de varias microexposicións de banda deseñada, ilustración e animación inspiradas na presenza de Pablo Picasso na cidade da Coruña, durante a súa infancia, a finais do século XIX. “Hoxe presentamos esta mostra tan especial grazas a que temos un gran talento na nosa cidade no campo da banda deseñada, a ilustración e a animación”, sinalou Inés Rey, que animou aos coruñeses e coruñesas a visitar a mostra. Xosé Cobas, Iria do Castelo, Sekone, Álvaro Dorda, Branda, Héctor Francesch, Julia Lago, Javier de la Rosa, Pablo Gallo, Luis Yang, La chica de la cinta, Paula Mayor, Roque Romero, Marina Seoane, Manel Cráneo, Manuel López Poy, Rubén Rial, Tomás Conde e Virgina Curia son os artistas que participan nas distintas mostras.

A alcaldesa destacou a importancia de contar con grandes referentes artísticos na cidade e preservar o seu legado a través de exposicións como a presentada hoxe. “Durante doce meses implicamos a diferentes entidades, administracións, asociacións e artistas nunha cita que nos posicionou como o gran referente cultural que somos, o máis potente de Galicia e un dos primeiros de todo o norte do país”, indicou Rey, reivindicando o papel da Coruña como cidade picassiana.